Saltar ao contido principal

Auditorio de Marín

Ciclo Éche unha Risa!: tres espectáculos para gozar do mellor humor no Auditorio de Marín

Improvisar historias a partir das ideas do público, observar con ironía os delirios da vida moderna ou revisitar esa América que coñecemos a través do cinema e da televisión. Hai moitas maneiras de facer humor e o Ciclo Éche unha Risa! reúne tres delas sobre o escenario do Auditorio de Marín. Entre outubro e decembro, a compañía de teatro de improvisación Corta el Cable Rojo, e os humoristas Mikel Bermejo e Goyo Jiménez achegarán á vila tres propostas moi diferentes, pero unidas por un mesmo propósito: deixar as preocupacións fóra da sala e converter cada función nun encontro coa comedia en directo. Tres formas de facer rir, un mesmo escenario O Ciclo Éche unha Risa! explora esa diversidade a través de tres espectáculos con personalidades moi marcadas. Corta el Cable Rojo deixa cada función en mans da improvisación e das propostas dos espectadores. Mikel Bermejo xoga en Eureka! as marabillas e despropósitos da sociedade contemporánea. Goyo Jiménez, pola súa parte, recupera en América Forever o universo que o converteu nun dos humoristas máis recoñecibles do país. O resultado é unha programación que percorre distintos formatos da comedia actual e que trae ao Auditorio de Marín espectáculos cunha extensa traxectoria nos escenarios. Corta el Cable Rojo: unha función irrepetible creada diante do público O domingo 25 de outubro chegará ao Auditorio de Marín Corta el Cable Rojo, un espectáculo de improvisación no que cada función se constrúe en directo a partir das ideas e suxestións do público. Non hai dúas representacións iguais. Os intérpretes crean escenas, historias e personaxes no momento, apoiándose na súa rapidez mental, no seu enxeño e nun formato que incorpora música en directo, proxeccións e diferentes recursos escénicos. A participación dos espectadores funciona como o detonante da comedia. Unha palabra, unha situación ou unha proposta aparentemente imposible poden converterse no punto de partida dunha historia que non existía antes de comezar a función e que nunca volverá repetirse do mesmo xeito. Nacido en 2011, Corta el Cable Rojo converteuse nun dos grandes fenómenos da improvisación teatral, superando 4.500 funcións e os 700.000 espectadores, cunha longa permanencia na Gran Vía madrileña e unha xira constante por diferentes cidades. Marín poderá comprobar agora por que o formato conquistou públicos tan distintos. O único requisito é chegar disposto a sorprenderse e, se apetece, deixar algunha idea en mans dos improvisadores. Data: domingo, 25 de outubro de 2026Hora: 18.00 horasDuración aproximada: 90 minutosIdade recomendada: maiores de 14 anosPrezo: 21,80 euros, impostos e gastos incluídos Eureka!: Mikel Bermejo fronte ás loucuras da vida moderna O venres 6 de novembro será a quenda de Mikel Bermejo e do seu espectáculo Eureka!, unha celebración do humor construída arredor dos grandes misterios da sociedade contemporánea. Son os influencers os novos filósofos gregos? Por que nos recomendan madrugar para facer exercicio mentres teñen a cama sen facer? Alcanzou xa a estupidez humana o seu punto máis alto? Mikel Bermejo parte deste tipo de preguntas para desenvolver unha mirada irónica sobre a actualidade, os comportamentos sociais, as novas tecnoloxías e os pequenos absurdos que aceptamos como parte da vida moderna. O cómico transforma situacións recoñecibles nunha viaxe cargada de observación, sorpresa e ritmo. O título remite á exclamación atribuída a Arquímedes tras realizar un gran descubrimento. Neste caso, porén, Bermejo non promete resolver os grandes enigmas da ciencia, senón esas dúbidas que poden quitarlles o sono tanto aos pensadores clásicos como a calquera veciño do quinto. Durante 80 minutos, Eureka! convida a rir da realidade, pero tamén de nós mesmos e da facilidade coa que participamos nas contradicións que o humorista leva ao escenario. Data: venres, 6 de novembro de 2026Hora: 20.30 horasDuración aproximada: 80 minutosIdade recomendada: maiores de 14 anosPrezo: 13,30 euros, impostos e gastos incluídos América Forever: Goyo Jiménez recupera o seu universo máis emblemático O Ciclo Éche unha Risa! pecharase o martes 8 de decembro con Goyo Jiménez e América Forever: The final refrito, un espectáculo que recupera os mellores momentos da súa célebre triloxía Aiguantulivinamérica. Durante anos, o humorista construíu un universo propio arredor da imaxe dos Estados Unidos que chegou ata nós a través das películas, das series de televisión e da cultura popular. Os heroes de acción, as familias aparentemente perfectas, os institutos, os costumes e mesmo a particular maneira de entender o mundo dos estadounidenses convertéronse en materia prima para o seu humor. Agora, Goyo Jiménez regresa a ese territorio para ofrecer unha recompilación actualizada das situacións máis lembradas da triloxía. Non se trata unicamente dunha selección de grandes éxitos. América cambiou, o mundo cambiou e tamén o fixeron as contradicións que alimentan a comedia. América Forever combina momentos xa recoñecibles polo público con novos ingredientes e reflexións. O humor intelixente, absurdo e minuciosamente interpretado de Goyo Jiménez volve poñer fronte a fronte a cultura estadounidense e a nosa realidade, demostrando que quizais convivimos no mesmo planeta por un simple erro administrativo. Será unha oportunidade para reencontrarse cun dos universos cómicos máis populares dos últimos anos ou para descubrilo por primeira vez sobre o escenario. Data: martes, 8 de decembro de 2026Hora: 18.30 horasDuración aproximada: 90 minutosIdade recomendada: maiores de 16 anosPrezo: 28,10 euros, impostos e gastos incluídos

O teatro nacional aterra no Auditorio de Marín con Marta Hazas e Javier Veiga e o seu “Un matrimonio sin filtros”

Marta Hazas e Javier Veiga

A programación do Auditorio de Marín segue medrando e incorporando novas propostas de primeiro nivel. O teatro de ámbito nacional aterrará no escenario marinense o próximo 11 de decembro da man de Marta Hazas e Javier Veiga, que protagonizarán a comedia “Un matrimonio sin filtros”, ás 20.00 horas. As entradas para asistir ao espectáculo sairán á venda mañá, xoves 17 de setembro, a través da plataforma Ataquilla.com, abrindo así a posibilidade de gozar en Marín dunha produción protagonizada por dous intérpretes cunha ampla traxectoria no teatro, na televisión e no audiovisual español. A chegada de “Un matrimonio sin filtros” supón unha nova incorporación á programación do Auditorio, que continúa apostando por combinar as propostas culturais galegas con espectáculos e producións do circuíto nacional, achegando á vila artistas e montaxes de relevancia sen necesidade de desprazarse ás grandes cidades. Unha separación, unha casa e unha guerra sen filtros Marga e Jaime van separarse despois de 15 anos de matrimonio. Entre bágoas e reproches consólanse sabendo que, ao non ter fillos nin mascotas e nin sequera un coche en común, poderán marcharse sen máis, dando unha portada cun clásico: “Eu xa non quero nada teu”. Pero hai un pequeno detalle no que non caeran. Ese portazo hai que dalo cunha porta. E esa porta pertence a unha casa. E esa casa… é a casa dos dous!!! Marga e Jaime están dispostos a refacer as súas vidas por separado, pero ambos consideran que a casa lles pertence. Ningún dos dous quere marcharse do piso que foi o seu fogar. E este mutuo desacordo non ten pinta de resolverse cunha separación amigable. Empezan a sacar os trapos sucios e a botarse en cara mutuamente o fracaso da súa relación. Ambos chegan a unha conclusión: debería irse da casa o que teña máis culpa de que se estean divorciando. E agora empezará a guerra de verdade. Ambos van tirar da manta e a sacar toda a merda que tiñan gardada debaixo da alfombra. Aquí xa non hai pudor, nin importa o que dirán… Unha parella aberta en canle. Con todas as vergoñas ao aire. Un matrimonio á vista desde unha enorme fiestra indiscreta. Os espectadores do teatro van poder asistir en directo a todas esas miserias que as parellas adoitan mostrar só de portas cara adentro. Ningún dos dous vai permitir que o outro se garde nada. Aquí xa non hai secretos, nin medias verdades, nin pensamentos inconfesables, nin vergoña allea nin propia… Que o vexan todo! Porque agora Marga e Jaime son Un Matrimonio sen Filtros. Un Matrimonio sen Filtros que os espectadores van poder contemplar a través dun cristal (ou dun espello)… Entradas á venda desde mañá “Un matrimonio sin filtros” representarase no Auditorio de Marín o venres 11 de decembro, ás 20.00 horas.As entradas poderán adquirirse a partir de mañá, 17 de setembro, a través da plataforma Ataquilla.

Ciclo Teatro Galego: tres propostas escénicas da nosa terra para o segundo semestre de 2026

Tres formas de entender a escena contemporánea galega. Tres espectáculos que parten do circo, da danza e da música para falar de convivencia, identidade, igualdade, vulnerabilidade e coidados. O Ciclo Teatro Galego reúne no Auditorio de Marín tres propostas que amosan a diversidade e a vitalidade da creación escénica feita na nosa terra. A programación comezou en setembro con Sen Patrón, da compañía Pistacatro, e continuará en novembro e decembro con O que non se ve, de Et Suseia Danza, e BenQuerer. Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras. Os espectáculos están cofinanciados pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios de Galicia (RGTA). Este ciclo é un dos primeiros resultados da incorporación do Auditorio de Marín á RGTA, unha rede que favorece a circulación de espectáculos profesionais e permite achegar ao público unha programación galega estable, diversa e de calidade. Tres linguaxes escénicas para mirar a Galicia contemporánea O Ciclo Teatro Galego propón unha pequena viaxe por algunhas das linguaxes que están a definir a escena actual do país. Desde o carácter lúdico do novo circo ata o diálogo entre danza tradicional e contemporánea, pasando pola unión da música en directo e o movemento, cada espectáculo ofrece unha maneira diferente de entender a creación. As tres propostas comparten, ademais, unha vontade moi concreta: empregar o escenario para falar do presente. Os malabares convértense nunha reflexión sobre a convivencia; a roupa tradicional revela aquilo que permaneceu oculto baixo as súas capas; e o baile achégase á vulnerabilidade, ao afecto e á necesidade de deterse nun mundo en constante transformación. Circo, danza e música dialogan así coa tradición sen deixar de mirar cara ao futuro. Sen Patrón: malabares, humor e un divertido caos sen mando O ciclo abriu o domingo 6 de setembro con Sen Patrón, unha proposta de novo circo creada pola compañía galega Pistacatro. Que acontece cando tres malabaristas queren levar a batuta ao mesmo tempo? Esa é a pregunta da que parte un espectáculo no que ninguén parece estar ao mando e no que os obxectos voan sobre as cabezas dos intérpretes no medio dun caos tan preciso como divertido. A través dos malabares, do humor e do xogo colectivo, Sen Patrón fala da dificultade de poñerse dacordo e da necesidade de aprender a compartir o espazo. A maxia non está en descubrir quen manda, senón en comprender como podemos colaborar, escoitarnos e xogar xuntos. A función permitiu achegar ao público infantil e adulto o traballo dunha das compañías de referencia do novo circo galego. Pistacatro, recoñecida co Premio Nacional de Circo 2025, leva dúas décadas contribuíndo á profesionalización, renovación e proxección das artes circenses en Galicia. Data: domingo, 6 de setembro de 2026Hora: 19.30 horasPúblico: infantil e adultoCompañía: Pistacatro O que non se ve: danza para facer visible a forza das mulleres A segunda cita do Ciclo Teatro Galego chegará o sábado 7 de novembro con O que non se ve, de Et Suseia Danza. A compañía utiliza a danza como unha ferramenta para visibilizar a forza, a loita e a realidade das mulleres na sociedade actual. Para facelo, combina dous universos coreográficos que durante moito tempo pareceron separados: a danza tradicional galega e a danza contemporánea. A partir dese encontro, O que non se ve dirixe a mirada cara ao que permanece oculto baixo as vestimentas tradicionais e cara ao interior das mulleres que as levaron. O corpo, o movemento e o vestiario convértense en vehículos para revisar imaxes herdadas, descubrir novas lecturas da tradición e facer visibles experiencias que non sempre ocuparon o centro do relato. Non se trata de deixar atrás as raíces, senón de observalas desde o presente. A tradición aparece como unha materia viva, capaz de dialogar con novas linguaxes e de formular preguntas sobre a identidade, o papel das mulleres e a maneira na que construímos a memoria colectiva. Dirixido ao público adulto, o espectáculo propón unha experiencia visual e emocional que convida a mirar máis alá do evidente. Data: sábado, 7 de novembro de 2026Hora: 20.00 horasPúblico: adultoCompañía: Et Suseia Danza BenQuerer: música e danza para falar dos coidados O ciclo pecharase o venres 4 de decembro con BenQuerer. Fran Sieira báilalle a Caamaño&Ameixeiras, unha proposta íntima na que a danza e a música tradicional galega se encontran sobre o escenario. O bailador Fran Sieira acompaña co seu movemento a música interpretada en directo por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras. Desta unión nace unha peza que conecta co cotián, cos afectos e cos procesos de adaptación que atravesamos cando a vida cambia. BenQuerer detense en conceptos como o autocoidado, a vulnerabilidade e a necesidade de quererse e querer ben. Nun mundo marcado pola présa e pola transformación constante, o espectáculo formula dúas preguntas aparentemente sinxelas: podemos permitirnos parar? Podemos mostrarnos vulnerables? A resposta constrúese a través do corpo, da música e dunha escena que non busca ocultar a fraxilidade, senón recoñecela como parte da experiencia humana. O baile tradicional galego convértese así nunha linguaxe contemporánea coa que falar dos coidados, das emocións e da maneira na que nos relacionamos con nós mesmos e coas demais persoas. Dirixida ao público adulto, a peza ofrece unha oportunidade para descubrir o diálogo creativo entre tres nomes destacados da música e da danza galegas actuais. Data: venres, 4 de decembro de 2026Hora: 20.00 horasPúblico: adultoIntérpretes: Fran Sieira e Caamaño&Ameixeiras

Auditorio de Marín: un novo fogar para a cultura á beira do mar

Hai edificios que se incorporan á paisaxe dunha vila e outros que, ademais, contribúen a transformala. O Auditorio de Marín nace coa vocación de ser ambas cousas: unha nova referencia arquitectónica no corazón urbano e, sobre todo, un lugar no que a cultura poida suceder, compartirse e formar parte da vida cotiá. A súa apertura en 2026 marca o inicio dunha nova etapa cultural para Marín. Teatro, música, danza, circo, humor, encontros, presentacións e actividades sociais atopan agora un fogar preparado para recibir propostas de diferentes formatos e dimensións. Un espazo pensado para Marín, pero tamén aberto ao público e ás compañías de toda a provincia de Pontevedra e de Galicia. Un novo punto de encontro no corazón de Marín O Auditorio de Marín érguese nun lugar estreitamente ligado á identidade da vila. Situado na Praza de España, fronte á Alameda Rosalía de Castro e á Escola Naval Militar, o edificio dialoga coa Avenida de Ourense, co Paseo Marítimo Alcalde Blanco e coa paisaxe portuaria e litoral. O acceso principal realízase desde a Avenida de Ourense a través dunha rampla ampla e de pendente suave, flanqueada por dous grandes parterres axardinados. Esta entrada configura unha pequena praza pública accesible que conduce de maneira natural ata o edificio e anticipa unha das súas ideas fundamentais: o Auditorio de Marín quere ser un espazo aberto, próximo e acolledor. Tras as portas aparece un vestíbulo diáfano e luminoso desde o que se distribúen os principais usos do inmoble. É o limiar dun lugar chamado a reunir públicos, artistas, asociacións e profesionais arredor dunha mesma experiencia: a cultura en directo. Unha sala preparada para facer posible o espectáculo O corazón do Auditorio de Marín é a súa sala principal, deseñada para ofrecer unha experiencia próxima, cómoda e envolvente. O patio de butacas dispón dunha capacidade máxima de 500 persoas, con catro prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. A súa configuración tamén permite adaptar o aforo a 220 localidades cando as características do espectáculo ou da actividade requiren un ambiente máis íntimo. Sobre o escenario, as dimensións abren a porta a unha programación ampla e diversa. Conta cunha embocadura de 13,6 metros, 11 metros de fondo e 6,70 metros de altura, ademais dunha estrutura escénica que alcanza os 14 metros. A cámara negra, as patas laterais, as bambolinas e o pano completan un equipamento pensado para responder ás necesidades técnicas de producións profesionais. A arquitectura da sala, as dimensións do escenario e o traballo acústico permiten que cada función se viva coa intensidade que merece. Desde o silencio previo ao comezo dunha obra de teatro ata o primeiro acorde dun concerto; desde o movemento dunha compañía de danza ata as gargalladas compartidas durante un espectáculo de humor. Porque un auditorio non se mide unicamente pola súa capacidade ou polo seu equipamento. Tamén se mide por aquilo que consegue provocar cando as luces se apagan, o escenario se ilumina e centos de persoas comparten unha mesma historia. Moito máis ca un patio de butacas A actividade do Auditorio de Marín non remata na súa sala principal. O edificio foi concibido como unha infraestrutura cultural versátil, capaz de acoller diferentes iniciativas de maneira simultánea e de ampliar as posibilidades creativas e sociais do municipio. O vestíbulo, cunha superficie de 243,40 metros cadrados, pode converterse nun espazo para presentacións, pequenos eventos, intervencións artísticas, exposicións ou propostas performativas. O inmoble conta tamén con catro salas polivalentes de distintos tamaños. Son espazos destinados a acoller obradoiros, encontros, ensaios, formacións e residencias artísticas. A súa existencia reforza a idea dun auditorio vivo durante todo o ano, máis alá dos días de función. A estas instalacións súmanse seis camerinos, aseos adaptados e un acceso traseiro directo ao escenario para compañías, equipos técnicos e transporte de materiais. Todo está pensado para facilitar o traballo que o público non ve, pero que resulta imprescindible para que cada espectáculo poida levantar o pano. Un Auditorio para Marín, O Morrazo e Galicia Coa apertura do Auditorio de Marín, a vila incorpora a maior infraestrutura cultural da súa historia e unha das principais da comarca do Morrazo. Pero a súa importancia non reside só na dimensión do edificio. Contar cun espazo destas características permite atraer novas propostas artísticas, ampliar a diversidade da programación e ofrecer ao público a posibilidade de gozar de espectáculos profesionais sen necesidade de desprazarse a outras cidades. Ao mesmo tempo, crea novas oportunidades para as compañías, artistas, asociacións e colectivos locais, que dispoñen dun escenario preparado para mostrar o seu traballo nas mellores condicións. O Auditorio convértese así nun punto de encontro entre o talento local e a creación que chega doutros lugares. Unha porta aberta á circulación de ideas, linguaxes e emocións; un novo motivo para achegarse a Marín e descubrir a súa oferta cultural, a súa paisaxe urbana e a súa relación inseparable co mar. Aquí comeza unha nova historia cultural Todo auditorio garda unha historia antes incluso de que comece o espectáculo. Está na expectación dos minutos previos, nas conversas do vestíbulo, nos nervios detrás do pano e nese breve silencio que se produce cando se apagan as luces. O Auditorio de Marín abre as súas portas para que todas esas historias poidan acontecer. Para descubrir novas voces, reencontrarse con artistas admirados, emocionarse, rir, pensar e compartir. Para que as artes escénicas formen parte da vida da vila e para que públicos de todas as idades sintan este espazo como propio. Este novo fogar para a cultura nace mirando ao mar, pero tamén cara ao futuro. Un futuro no que Marín contará con máis teatro, máis música, máis danza, máis encontros e máis oportunidades para vivir a cultura en directo. O escenario xa está preparado. As butacas agardan. Comeza a función.